Tuesday 17 de September de 2024

A Xunta promociona en Laxe o consumo dos produtos marítimo-pesqueiros cunha foodtruck da campaña Galicia sabe Amar


O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou hoxe a foodtruck de GALICIA SABE AMAR, que o departamento que dirixe instalou en Laxe, co fin de seguir animando á poboación a consumir peixes e mariscos para ter unha dieta máis saudable. Esta iniciativa da Consellería do Mar pretende mostrar a versatilidade dos produtos acuícolas e poñer en valor o traballo das xentes do mar que traballan na extracción, produción, comercialización e transformación das distintas especies para a súa posta a disposición dos consumidores; en definitiva, da cadea mar-industria.
En total, son catro foodtrucks as que están a percorrer Galicia, preferentemente os concellos de máis de 1.000 habitantes. O número mínimo de degustacións totais que realizarán son 600, en 2024, e 800, en 2025. A campaña está apoiada con distinto material promocional, a través do que se informa aos destinatarios sobre a importancia social e económica do sector do mar; se pon en valor a actividade da pesca e o marisqueo en Galicia; se promove unha xestión sostible dos recursos tanto dende o punto de vista económico, como ambiental e social; e se garante a trazabilidade dos produtos pesqueiros e a súa seguridade alimentaria.